SciELO - Scientific Electronic Library Online

 
vol.26 issue2The problem of national philosophies and philosophy as universal knowledge: the portuguese caseUm modo de fazer filosofia: A Ontologia Histórica de Ian Hacking author indexsubject indexarticles search
Home Pagealphabetic serial listing  

Services on Demand

Journal

Article

Indicators

Related links

  • Have no similar articlesSimilars in SciELO

Share


Revista Diacrítica

Print version ISSN 0807-8967

Diacrítica vol.26 no.2 Braga  2012

 

Feminismo e filosofía política: reflexións sobre o canon e a academia

Feminism and political philosophy: reflexions on the canon and the academy

María Xosé Agra Romero*

*Uiversidade de Santiago de Compostela, Galiza, España

x.agra@usc.es

 

RESUMO

Este artigo trata sobre o impacto e repercusións da Teoría Feminista e os Estudos de Xénero na Filosofía Política. Partindo da constatación dunha relación problemática entre Feminismo e Filosofía política, reflexiónase sobre as achegas críticas da Teoría Feminista, en particular ao Canon e ao 'mainstream' da Filosofía Política, para concluír acreditando na súa importante contribución á transformación do debate filosófico-político contemporáneo.

Palabras Chave: Filosofía Política; Teoría feminista; Política; Xénero; Canon

 

ABSTRACT

This paper deals with the impact and implications of Feminist Theory and Gender Studies in Political Philosophy. Based on the existence of a problematic relationship between feminism and political philosophy, the paper reflects on the critical contributions of Feminist Theory in particular to the Canon and to 'mainstream' Political Philosophy. It concludes proving the important contribution of feminism to the transformation of the contemporary political-philosophical debate.

Keywords: Political Philosophy; Feminist Theory; Politics; Gender; Canon

 

‘A filosofía política feminista na Academia’ ben podería ser un outro título para estas páxinas, pois o que nelas se persegue é poñer o foco, no marco xeral de ‘A Filosofía na Academia’, sobre a relación entre Feminismo e Filosofía Política, sobre o impacto e repercusións do Feminismo e os Estudos de Xénero na Filosofía, en xeral, e na Filosofía Política en particular, nas últimas décadas e así determinar a propiedade, a pertinencia de falar de Filosofía política feminista ou de Feminismo filosófico-político como unha área fundamental da Filosofía, acreditando as súas achegas e transformacións do debate filosófico, reflectindo e reflexionando sobre a problemática relación entre feminismo e filosofía política. O asunto de fondo, obvio é dicilo, a máis do recoñecemento dun campo da filosofía especialmente vivo e productivo nas últimas décadas, refire á súa importancia para a comprensión e formas de organización das nosas vidas na comunidade política. Non estamos, entón, ante unha cuestión de especialización académica ou de interese só para quen está nun campo determinado ou acoutado que toma isto como obxecto de estudo, só por acaso para quen se ocupa do feminismo ou dos Women’s Studies.

Na entrada “Feminist Political Philosophy” da Stanford Encyclopedia of Philosophy, afírmase:

“Feminist political philosophy is an area of philosophy focused on understanding and critiquing the way political philosophy is usually construed, often without any attention to feminist concerns, and to articulating how political theory might be reconstructed in a way that advances feminist concerns. Feminist political philosophy is a branch of both feminist philosophy and political philosophy”[1]

A filosofía política feminista preséntase, vemos, como unha rama tanto da filosofía feminista como da filosofía política, non sen deixar de subliñar que ten un cometido crítico respecto de como é usualmente construída a filosofía política e, dado isto, apuntando á necesidade de ser reconstruída de forma que se promovan os intereses feministas. É dicir, remite a unha dobre tarefa: a de crítica e a de reconstrucción, que constitúen, ben é certo, dous elementos importantes da filosofía feminista. Non hai dúbida de que a filosofía política feminista é unha rama da filosofía feminista ou do feminismo filosófico, poren o que precisa esclarecerse é a súa consideración como rama da filosofía política ou, dito doutra maneira, o sentido filosófico-político do feminismo. Por isto, compre facer unhas consideracións previas sobre o problemático campo da relación entre feminismo e a filosofía/teoría política[2]. O feminismo contemporáneo, é sabido, é un movemento social e político que ten o seu fermento político e cultural nas sociedades democráticas occidentais nos anos setenta do pasado século, tendo acadado un ámbito propio de estudos, os ‘Women’s Studies’, xerando un novo e vivo desenvolvemento teórico que, paulatinamente, vai tendo presenza no ámbito académico a partir dos oitenta. A filosofía política, en particular no ámbito anglo-americano, como tamén é coñecido, nos anos setenta vai ter unha ‘revitalización’. Se atendemos a estes dous procesos contemporáneos importa determinar se discorren en paralelo, se hai e como se desenvolve unha aproximación dende o feminismo á filosofía política e, sobre todo na súa liña principal, da filosofía política ao feminismo, se hai unha interrelación en ambas as dúas direccións.

En xeral pode constatarse que nun primeiro momento feminismo e filosofía política van en paralelo. Dende os anos setenta, a teoría feminista -as teorías feministas[3] - vai crecendo en importancia e en sofisticación intelectual, pero ten que ir abríndose camiño á par, é dicir, non fai parte do ‘mainstream’ da filosofía/teoría política que, como se aludía na cita de Noëlle McAfee na entrada da Enciclopedia, presta pouca atención aos argumentos e intereses feministas, ás súas implicacións no que atinxe ás interpretacións e comentarios críticos dos textos clásicos, ou de algúns textos non considerados como tales e que deberían ser engadidos no canon, así como tampouco se teñen en conta as súas achegas nos debates dos problemas contemporáneos[4]. Nun dos seus últimos escritos Susan Moller Okin sinalaba que ao menos durante un par de décadas apenas houbo diálogo entre os participantes en cada un destes ámbitos, só a finais do século XX advirte sinais dun cambio de signo, cambio propiciado, ao seu ver, polo debate emerxente entre John Rawls e as teóricas críticas feministas de A Theory of Justice[5]. Durante un bo treito, entón, sobre un plano de silencios e desencontros, de desafíos e propostas, o descorrer de feminismo e filosofía política vai por vías paralelas para logo, nun proceso lento e non completo, ir producíndose certa interrelación. Verémolo a grandes trazos[6].

1. Recoñecemento e falla de transmisión: o canon

O movemento feminista dos anos setenta, dicíamos, vai dar lugar a novos desenvolvementos teóricos. Susan Moller Okin na súa introducción a unha das obras pioneiras no ámbito da filosofía política: Women in Western Political Thought (1979), sostén que o movemento feminista inspirou un considerable número e importantes traballos en áreas antes pouco exploradas. Refírese en concreto á historia, aos estudos legais, antropoloxía, socioloxía e crítica literaria, non obstante, afirma, ninguén tiña examinado sistematicamente o tratamento das mulleres nas obras clásicas da filosofía política. O seu libro, xusto, busca solventar este ‘gap’ no noso coñecemento. No que semella boa lóxica, en principio tratábase de reencher os ocos (‘filling the gaps’), isto é, formularse a posibilidade, e de non selo caso preguntarse polas razóns, de incluír ás mulleres na tradición existente da filosofía política. Poren, avanza que non se pode simplemente engadir (‘engadir e axitar’) ás mulleres na teoría política. As obras que constitúen a nosa herdanza filosófica están en gran medida “construídas sobre o suposto da desigualdade entre os sexos” polo que é necesario repensar algúns dos supostos máis básicos da filosofía política, en particular os que teñen que ver coa familia e co papel subordinado e dependente que tradicionalmente se lle asigna ás mulleres.[7] Isto afecta, di, tanto ás teorías do pasado como ás recentes.

Nun primeiro momento, entón, as filósofas/teóricas feministas van centrar os seus esforzos en examinar criticamente o canon do pensamento político, tanto na súa historia como na procura dunha relectura do canon filosófico actual. Neste sentido, como sinala Nancy Tuana no seu Prefacio como Editora á serie Feminist Interpretations of[8], hai moitos factores que inflúen no que é, ou non é, incorporado no canon nun particular período histórico, e ningún canon chegará a incluír a todos os filósofos. Agora ben, que se exclúa, agás a unhas moi poucas, ás mulleres, non pode fornecer unha representación segura da historia da disciplina pois, subliña, as mulleres teñen sido filósofas dende o período antigo[9]. Dende esta perspectiva o que se tenta é amosar que houbo mulleres filósofas. As preguntas que hai que facerse ante a súa ausencia no canon, na historia, como sinala S. Auffret son: “Entonces, ¿las mujeres no han tenido nunca nada que decir en filosofía? ¿Es acaso verdaderamente sólo un asunto de hombres? En este caso, ¿qué son las mujeres filósofas hoy? ¿Mutantes o híbridos, es decir, monstruos más o menos?[10]Desde os seus inicios a teoría feminista abre a interrogación sobre a existencia de mulleres filósofas na historia e sobre a posibilidade ou non da súa inclusión na tradición e no canon da filosofía en xeral e, como non, da filosofía política.

Malia todo o que se ten reparado e rescatado desde estes primeiros momentos, a cuestión do recoñecemento das mulleres filósofas non está pechada a día de hoxe, baste subliñar a publicación en español de dous textos ben significativos ao respecto e nos que so me deterei brevemente[11]. O primeiro, un clásico, é Historia de las mujeres filósofas,[12]e o segundo, contemporáneo, de Ingeborg Gleichauf: Mujeres filósofas en la historia. Desde la Antigüedad hasta el siglo XX.[13]Entre a publicación de Historia mulierum philosopharum (Lyon, 1690) e a de Ich wil verstehen. Geschichte der Philosophinen (Munich, 2005), hai pouco máis de catrocentos anos. Ménage presenta setenta e cinco filósofas que, indica, atopou nos ‘libros dos antigos’, e agrúpaas segundo as escolas; Gleichauf, seguindo grandes trazos temporais, recolle corenta e sete pensadoras.[14] Estes dous textos convídannos a reflexionar, como ben sinala Rosa Rius no seu amplo e documentado estudo crítico introdutorio á obra de Mènage:

“¿Una historia de las filósofas escrita en el siglo XVII? ¿Dónde se han conservado sus nombres, sus obras o fragmentos, su pensamiento? A raíz de la traducción en francés del texto de Ménage, Umberto Eco decía haber hojeado por lo menos tres enciclopedias filosóficas actuales sin encontrar citadas (exceptuando a Hipatia) a ninguna de las pensadoras recogidas en la Historie des femmes philosophes. Concluía el autor italiano: «No es que no hayan existido mujeres que filosofaran. Es que los filósofos han preferido olvidarlas, tal vez después de haberse apropiado de sus ideas».”[15]

Nasúa sucinta introdución Ingeborg Gleichauf constata:

“Si queremos informarnos sobre filosofía, solemos echar mano de una «Historia de la filosofía»y al hacerlo nos llevamos una sorpresa: parece que se trata de una cosa meramente de hombres. Historia de la filosofía significa casi siempre historia de filósofos. ¿Acaso no filosofan las mujeres? ¿No hay mujeres filósofas?. Ésta fue al menos mi primera impresión antes de iniciarme en la búsqueda de una pensadora «reconocida», como mínimo”.[16]

A historia de Ménage, non é unha obra que poida catalogarse como ‘historia da filosofía’ dende a óptica moderna, o cal non é algo que só afecte a este texto e que, por iso, sexa menos salientable. Segundo Rosa Rius semella mellor unha especie de diccionario, con entradas desiguais, mais o interese da obra radica en que:

“[...] estimó a las autoras de su tiempo y reconoció su saber. Alguien que, al principio del prefacio de su Historia, no ponía en duda el hecho de que: «También ha habido algunas [mujeres] que se han aplicado a [...] la filosofía». Alguien, en definitiva, poseedor de los suficientes conocimientos de filología clásica que le permitieran recorrer con firmeza los textos griegos y latinos para certificar que siempre había sido así.”[17]

Eis aquí a cuestión, o recoñecemento das mulleres, o recoñecemento do saber. Ménage escribe a súa historia en honor ás súas amigas, as mulleres notables dos salóns e, como sinala Rius, fíxoo ademais tentando chamar a atención doutros intelectuais –de aí o telo escrito en latín- na procura de acadar lexitimación fronte a idea ‘extendida e persistente’ de que non existiran pensadoras, filósofas. E tiñan que sabelo tamén as propias mulleres embarcadas na aventura do pensamento, tiñan que saber que non eran excepcións. Recoñecemento é así mesmo o que demanda Gleichauf, acreditando en que as mulleres sempre pensaron e que en todas as épocas houbo pensadoras, filósofas, máis aínda se, como ela, se parte da idea da necesidade humana da filosofía, e que a leva a afirmar: “A menudo, sólo sabemos de las mujeres filósofas a través de los relatos o las narraciones de otros. Raramente se han conservado textos originales; a veces incluso se han falsificado a conciencia o se han hecho desaparecer. La historia de las mujeres filósofas es también la historia de su lucha para que se reconozcan sus aportaciones.”[18] O recoñecemento supón aceptar que os seus pensamentos filosóficos non son excepcións, que non son marxinais, senón que, ademais de diversos, están no centro dos debates do seu tempo. A tarefa crítica que enxerga a teoría feminista vai, como vemos, conxugarse co labor constructivo, reconstructivo, pois xunto ao non recoñecemento sinálase a ‘falla de transmisión’:

“Ciertamente el proceso de exclusión ha determinado no sólo la escasez de obra filosófica femenina, en comparación con la masculina, sino también y fundamentalmente su falta de transmisión. Este último aspecto me parece significativo: cualquiera que se dedique con suficiente ahínco a escarbar en el pasado filosófico de Occidente, hallará con sorpresa muchos más textos y fragmentos escritos por mujeres de los que hubiera imaginado”[19]

Temos entón que a revisión do canon non é cousa de ‘engadir’ sen máis, conleva e demanda unha mirada crítica e reconstructiva da historia da filosofía que comporta un desafío máis radical. A cuestión do canon non é simplemente unha cuestión, aínda que tamén o é, do seu contido, do que se inclúe e o que se exclúe. A ausencia das mulleres filósofas, a falla de recoñecemento e de transmisión fai pasar a primeiro plano a subordinación e a desigualdade das mulleres. Así, se ollamos a literatura dos últimos anos sobre a relación do feminismo e a teoría/filosofía política poden percibirse as liñas pola que descorre o desafío e a polémica feminista, tamén os intentos de ofrecer alternativas.[20]

2. O ‘mainstream’ da Filosofía Política e a crítica da teoría feminista

É importante ter en conta que o punto de partida da relación do feminismo e a filosofía/teoría política, que se desenvolve a partir do movemento feminista da denominada segunda ola, das loitas feministas polo poder interpretativo, polo poder de nomear e conceptualizar, descansa na consideración das mulleres como seres políticos e, en consecuencia, como se apuntou, un dos principais empeños será a revisión e crítica do canon da teoría política, das principais tradicións e autores da filosofía política que sustentan e participan de, que racionalizan e xustifican, a subordinación das mulleres. Será a partir de aquí que o feminismo interseccione coa filosofía política, mais non aínda á recíproca.

No Epílogo á edición de 1992 da obra antes mencionada, Susan Moller Okin comenta que a mediados dos anos oitenta enviou un artigo a unha importante revista de filosofía moral na que criticaba dúas teorías contemporáneas da xustiza. O artigo foille rexeitado, a razón e que o informante xulgaba que a argumentación de Okin amosaba que a teoría X non permitía a inclusión das mulleres, pero non tiña mostrado que isto tivese ningún efecto sobre a ‘teoría mesma’. Okin, pertinentemente subliña que é difícil imaxinar que isto poda dicirse dunha teoría política que fracasase en incluír aos homes, e que debería ser obvio, aínda que semella que non o é, que si se sinala que unha teoría na súa forma presente “é incapaz de incluír a máis da metade da humanidade é dicir algo importante sobre a ‘teoría mesma’”[21] Neste comentario albíscanse os problemas e retos cos que se vai topar a crítica feminista: a teoría mesma.

Así, en primeiro lugar, comprobase a relutancia da liña principal da filosofía política respecto das críticas e interpretacións feministas, amosándose moi renitente ou incapaz, agás excepcións, de incorporar a súa crítica á exclusión das mulleres e o que en gran parte conleva, isto é, a crítica á separación das esferas privada e pública, a ampliación da política, cuestións que apuntan, certamente, á ‘teoría mesma’. En consecuencia e derivado disto, en segundo lugar, os desafíos teóricos cos que se topan as teóricas feministas acaban pondo de manifesto que a liña principal da filosofía política, a ‘teoría’ ou as teorías, sustentase sobre uns determinados presupostos, asumidos acriticamente, non cuestionados, epistemolóxicos e ontolóxicos, modelos e concepcións da natureza humana que se toman como dados, e que comportan serias limitacións conceptuais, o que, sobra dicir, ten efectos políticos. Todo elo conduce a emprender unha tarefa crítica e reconstrutiva de ditos presupostos, dos conceptos e das categorías centrais da filosofía política. A tarefa teórica feminista despregase tentando non só revisar e criticar o que se considera ‘lexitimamente político’ senón tamén poñendo de manifesto as ‘estratexias de despolitización’, é dicir, que “non hai nada máis político, de feito, que os constantes intentos de excluír certos tipos de temas da política”.[22] Da interrogación sobre a posibilidade ou non da inclusión das mulleres na tradición da filosofía en xeral e na da filosofía política en particular chégase ao cuestionamento e, mais unha vez, á necesidade crítico-reconstructiva dos presupostos e categorías centrais.

En «Feminist Political Philosophy» (2000), Christine Di Stefano, recoñecendo a débeda da filosofía política feminista coas aspiracións e logros do feminismo da Segunda onda, entendido como un movemento social complexo que “logrou publicitar, problematizar e debater unha plétora de sensibilidades, simbólicas, prácticas e políticas que discriminan inxustamente ás mulleres”,[23] indica, así mesmo, que se ben hai algunhas obras anteriores á segunda onda, o groso da literatura da filosofía política feminista, sen embargo, tense producido durante as dúas últimas décadas. En efecto, dende finais dos setenta, achamos as primeiras obras que aportan interpretacións feministas da filosofía política e que se centran, en principio, na “distorsión da ‘natureza’ das mulleres, a súa subordinación aos homes, e a súa exclusión do que tiña sido considerado “político””.[24] Ou, dito doutro xeito, nos seus inicios a filosofía política feminista “estaba máis preocupada por proxectos críticos deseñados para iluminar o sexismo, a misoxinia e a cegueira ao xénero ou a complicidade do ‘mainstream’ canónico e contemporáneo da filosofía e a teoría política”.[25] Se revisamos as reflexións das distintas autoras sobre o feminismo e a filosofía política, dende os seus inicios nos anos setenta do século pasado ata hoxe, podemos ver que hai bastante coincidencia en sinalar e abordar os distintos problemas e retos que enfrontan. No seu Epílogo, Okin formulaba xa cales eran as tarefas e os desafíos: reconsiderar as teorías políticas, pois a inclusión das mulleres como iguais aos homes levanta cuestións centrais de ditas teorías, en concreto, refírese á ampla aceptación das teóricas políticas de que a tradicional dicotomía entre o público e o político e o privado e o persoal, é indefendible, que a distribución do poder en ditas esferas está estreitamente conectada; un segundo gran reto céntrase no canon do pensamento político occidental e as súas diversas concepcións da natureza humana; o terceiro reto, producido como consecuencia do desafío inicial ao canon tradicional, concéntrase na tarefa de repensar os conceptos básicos da tradición política occidental “á luz dos requirimentos feministas de que as mulleres sexan incluídas, no canto de ignoradas ou asumindo a súa subordinación aos homes”. Por último, o cuarto desafío, segundo a autora, refire ao contido do canon da teoría política mesma que exclúe ou inclúe unhas obras e autores e non outros. Nos oitenta, di, as interpretacións feministas das teorías políticas poñen maior énfase, máis que na exclusión per se das mulleres, nas concepcións da política que sustentan.[26]

Di Stefano, pola súa parte, indica que os esforzos feministas respecto ao canon da filosofía política conducen á creación dun “corpo substancial de crítica e comentario”; sinala ademais que “importantes figuras do século vinte e da filosofía e teoría contemporánea, como Hannah Arendt, John Rawls, Jürgen Habermas, Jacques Derrida, e Michel Foucault, teñen sido obxecto de escrutinio e valoración feminista”[27], e repara na revalorización dos textos feministas e de autoría feminina, xulgados menores ou secundarios, así como no interese nas formas literarias e nos xéneros de expresión e reflexión sobre materias políticas: “memorias, poesía, ficción, cine, e a cultura diaria”. Igualmente salienta que as filósofas políticas feministas téñense comprometido na investigación e análise conceptual, repensando e revisando conceptos políticos tais como: obrigación política, liberdade, xustiza, igualdade, contrato, sociedade civil, poder, esfera pública, público-privado, cidadanía, democracia, e o Estado. Ao que hai que engadir que teñen prestado especial atención a conceptos tradicionalmente esquecidos, tais como o coidado, nun esforzo por “enriquecer o vocabulario da teorización e a reflexión política”. Por último, apunta que as filósofas feministas toman o feminismo, os feminismos, como o seu obxecto de estudo, xulgándoos “fenómenos merecedores de atención por parte de teóricos e filósofos” e observando que tiveron que desenvolver “robustas e sistemáticas filosofías para a política feminista contemporánea”.[28]

En termos xerais podemos dicir que hai un amplo acordo en que a teoría política feminista desenvolve unha revisión crítica do canon e da liña principal da filosofía política, revisión que acaba por corroborar a necesidade dunha redefinición da política mesma. Nancy J. Hirschmann e Ch. Di Stefano sosteñen que o intento de reconstrución da teoría feminista, da análise feminista, ármase ao redor de tres proxectos distintos, se ben relacionados entre si, nomeadamente: interrogar e discutir aqueles conceptos considerados non políticos; someter a escrutinio o ‘espazo inocente’ da teorización política; e repensar aqueles conceptos que xa son considerados políticos.[29] Os tres proxectos sitúanse na liña de cuestionar, cambiar e ampliar as ‘nosas nocións do político’, e responden a unha ‘politización dos conceptos (comunidade, familia, privacidade, coidado...) que demanda non só cambios nos propios conceptos senón, como diciamos, cambios que afectan á propia natureza e aos límites do político e a política. Igualmente, insisten en que non hai un ‘espazo inocente’ seguindo a Jane Flax, fundacional da teoría política, en que non hai puntos de partida inocentes, senón que responden a ‘efectos e resultados de poder’. É dicir, conceptos como liberdade, igualdade, comunidade ou autonomía tómanse como dados, e sobre eles baséanse outros como obrigación, xustiza e democracia, mais non hai tal fundamento ou estabilidade en ditos conceptos, son históricos e culturais, e comportan visións masculinistas que deben ser cuestionadas.

Os dous primeiros proxectos, seguindo a Hirschmann e Di Stefano, buscan ‘politizar conceptos non políticos’. Politizar supón, entón, conceptualizar ou, como ben o expresa Celia Amorós, ‘conceptualizar é politizar’[30]. A politización da esfera privada que persegue o lema ‘o persoal é político’, ou a conceptualización da violencia patriarcal, son dous bos expoñentes do que comportan os devanditos proxectos, proxectos que outorgan un maior interese e unha boa base ao terceiro, é dicir, á revisión dos conceptos considerados ‘políticos’. A politización da teoría, pois, vai unida á teorización da política, nunha dobre vertente de crítica e reconstrución conceptual, de construción teórica, que modifica e transforma o político, a política mesma. O rexeitamento do artigo de Okin nos introducía ao problema, agora, da man das filósofas políticas feministas, estamos en mellores condicións de entender que implica, que significa, o dicir algo sobre a teoría mesma. O desenvolvemento da teoría feminista dende os anos setenta puxo o seu empeño nisto e moito se ten avanzado. Non obstante, como sinalan Hirschmann e Di Stefano, aínda no 1996, a teoría feminista é despachada a miúdo por non ser ‘suficientemente teórica’, este é o prezo, din, que hai que pagar por non aceptar un peche artificial e traballar coa esperanza de que é posible que a teoría política como disciplina poda transformarse, repensarse, revisarse.[31]

3. ¿Un cambio de signo?

Ata aquí estivemos vendo cómo formulan a relación do feminismo coa filosofía política algunhas teóricas/filósofas políticas feministas e aínda poderían citarse algunhas máis.[32]Sen embargo, convén agora facer unhas calas para ver a recepción do feminismo na teoría/filosofía política dende a outra dirección e contrastar as posicións. É ben coñecido que W. Kymlicka en Contemporary Political Philosophy. An Introduction (1990) presenta unha introdución e unha valoración crítica das principais escolas de pensamento político, atendendo aos debates máis salientables na filosofía política normativa, e indica que, en concreto, vaise ocupar de “teorías recentes sobra a sociedade xusta, libre ou boa”, de aquelas teorías que “teñen gañada unha certa aceptación e que ofrecen unha visión máis ou menos exhaustiva dos ideais da política”, e, entre elas, coloca ao Feminismo, xunto co Utilitarismo, a Igualdade Liberal, o Libertarismo, o Marxismo e o Comunitarismo. Kymlicka, non sen deixar de recoñecer a diversidade do feminismo contemporáneo, embárcase nunha discusión, nunha valoración crítica de tres argumentos feministas que suscitan cuestións importantes que, ao seu modo de ver, deben ser tratadas, poñendo a énfase en que hai un amplo número de teorías políticas contemporáneas, di, que comparten “unha «plataforma igualitaria», un compromiso coa idea de que todos os membros da comunidade deberían ser tratados como iguais”. Estes tres argumentos son: a definición de «sexualmente neutral»; a distinción social-privado; e o debate xustiza/coidado. Kymlicka considera que estes tres argumentos “representan tres dos puntos de contacto máis comúns entre o feminismo e as principais correntes da filosofía política”.[33] Afirmando, pola súa parte, que calquera filosofía social e política que ignore o feminismo será parcial e resultará empobrecida. James P. Sterba vai publicar varios textos nos que o feminismo ten unha recoñecida e importante presenza.[34] Kymlicka e Sterba son dous bos exemplos de interacción con, de frutífero diálogo coas concepcións feministas da xustiza e, dende esta óptica, resultado de aquel cambio de signo mencionado por Susan Moller Okin.

Nas súas reflexións sobre a filosofía política (1996), Bhikhu Parekh abordando as formas de entendela, no apartado referido ás poucas contribucións novidosas que se producen nos anos setenta e oitenta, salienta a aparición dun importante número de traballos críticos relativos aos sesgos sexistas, racistas, secularistas, elitistas e nacionalistas da filosofía política tradicional, uns sesgos que se tornan ‘visibles e difíciles de eliminar’, apuntando que, de todos eles, a crítica feminista é a máis sofisticada[35]. Así mesmo insiste en que en estas décadas, no que se refire a cuestións substantivas, xorden novas áreas de investigación, en concreto:

“Las escritoras feministas empezaron a cuestionar, entre otras cosas, la distinción tradicional entre lo publico y lo privado, la visión masculina dominante de la racionalidad, la profunda disyuntiva entre razón y sentimiento, la ecuación racionalidad e impersonalidad, la ecuación justicia e imparcialidad abstracta, igualdad y uniformidad, la visión unidimensional de la ciudadanía, la visión de la moral basada en reglas, entre otras cosas”[36]

Con distintas énfases e perspectivas, Kymlicka, Sterba, Parekh reparan no novidoso, orixinal e vivo do feminismo no campo teórico respecto da visión tradicional, da liña principal da filosofía política[37]. Tamén hai acordo xeral en que o feminismo, que é un dos tópicos sobre os que xira a discusión, representou un avanzo teórico moi importante entre os participantes no debate «Political Philosophy: The View from Cambridge» (2002).[38] Sen embargo, aquí achámonos coa constatación de que algúns dos participantes consideran que ese importante avanzo teórico circunscríbese aos anos setenta e que a partir de aí pouco se tería progresado. Neste sentido vemos que non tería habido relación, intersección entre feminismo e filosofía política, máis alá do impacto dos setenta. A cuestión é, como ben suxire Q. Skinner, clarificar ¿que avances teóricos se fixeron e cando? Como indicaba ao principio, é necesaria unha revisión en profundidade, un balance crítico respecto das achegas e innovacións no terreo teórico e práctico, tras varias décadas xa de teoría feminista, de intersección de feminismo e filosofía política, rastrexando e sistematizando, tendo en conta os distintos contextos, o que nestas páxinas só intentei reflectir a grandes trazos, afastándose de calquera aproximación que teña visos de reducir este complexo e lento proceso a trunfo ou a nostalxia, establecendo as bases sobre as que a teoría feminista, diversa e plural, ten transformado os termos do debate na teoría/filosofía política[39].

Comezaba estas páxinas citando a entrada “Feminist political philosophy”, penso que é acaído reparar agora tamén na conclusión de McAfee:

“In sum, feminist political philosophy is a still evolving field of thought that has much to offer mainstream political philosophy. In the past two decades it has come to exert a stronger influence over mainstream political theorizing, raising objections that mainstream philosophers have had to address, though not always very convincingly. An in its newest developments it promises to go even further.”

A día de hoxe, para concluír, podemos ver como moitas das filósofas/teóricas políticas que contribuíron, e seguen a contribuír, enormemente ao desenvolvemento da filosofía política feminista, participan agora no debate filosófico-político máis amplo, intervindo regularmente con voz propia e traballando nos problemas principais da filosofía política: C. Pateman, S. Moller Okin, N. Fraser, S. Benhabib, M. Nussbaum, I. M. Young, A. Phillips, A. Cavarero..., son algunhas das máis coñecidas e recoñecidas. Outras perspectivas filosófico-políticas, a súa vez, teñen ido integrando o xénero como unha compoñente, como unha categoría política central, asumindo, diríamos, o que conleva, as implicacións de, un cambio de signo como o referido por Okin, dende finais do século XX. Agora ben, aínda fica moito por facer respecto da súa plena integración na liña principal da filosofía política, e nuns contextos nacionais e académicos máis que en outros. En resumen, aínda que o xénero e a crítica feminista foi, e deba seguir, integrándose transversalmente, estamos ante un proceso inacabado e, polo tanto, non se pode prescindir de estudos específicos desta dimensión, da teoría, da crítica e da política feminista, e da incorporación das súas achegas ao ‘mainstream’ da filosofía política.

 

Notas

[1] McAfee, Noëlle, "Feminist Political Philosophy", The Stanford Encyclopedia of Philosophy (Winter 2011 Edition), Edward N. Zalta (ed.), URL http://plato.stanford.edu/archives/win2011/entries/feminism-political/        [ Links ]

[2] Aos efectos que aquí nos interesan empregase indistintamente filosofía e teoría política.

[3] Referirémonos en xeral á teoría feminista, sendo conscientes de que baixo esta denominación hai distintas posicións, que o feminismo é plural.

[4] Carole Pateman & Mary Lyndon Shanley (Eds.), Feminist Interpretations and Political Theory, «Introduction», Polity Press/B. Blackwell, Cambridge/Oxford, 1991, p. 1.         [ Links ]

[5] S. M. Okin, «Justice and Gender: An Unfinished Debate», Fordham Law Review 72, 2003-2004: 1537.         [ Links ]

[6] Volvemos aquí de forma resumida sobre algúns dos aspectos abordados en Mª X. Agra Romero «El Feminismo y/en la Filosofía Política», Revista Laguna, 30; marzo 2012, pp.: 31-45.         [ Links ]

[7] S. M. Okin, Women in Western Political Thought, Princenton, Princenton University Press, 7ª ed., New Afterword, 1992, p. 10.         [ Links ] [1979].

[8] Esta serie aplica ‘os lentes feministas’, di Tuana, “on the canonical texts of Western philosophy, both those authors who have been part of the traditional , and those philosophers whose writings have more recently gained attention within the philosophical community”, está editada por The Pennsylvania State University Press, University Park, Pennsylvania. A primeira colección de ensaios, da que a propia Tuana é a editora é: Feminist Interpretations of Plato (1994).

[9] N. Tuana remite aos catro volumes de A History of Women Philosophers (Boston: M. Nijhoff, 1987) de Mary Ellen Waithe.         [ Links ]

[10] Séverine Auffret, «Melanipa la filósofa» en Eulalia Pérez Sedeño (coord.), Conceptualización de lo femenino en la filosofía antigua, Madrid, Siglo XXI, 1994, p. 110.         [ Links ]

[11] Cfr. Mª Xosé Agra Romero, «Non é que non existiran...pensadoras, filósofas», en J. Barcia (ed.), Fidelidade á terra. Estudos dedicados ó profesor Xosé Luís Barreiro Barreiro. Santiago, Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago, 2011, pp. 187-198.         [ Links ]

[12] Herder, Barcelona, 2009. Trad. Mèrce Otero Vidal. Introducción e notas de Rosa Rius Gatell.

[13] Icaria, Barcelona, 2010. Trad. Kàtia Pago Cabanes.

[14] As escolas son, segundo Ménage: ‘escola incerta’, platónica, académica, dialéctica, cirenaica, megárica, cínica, peripatética, epicúrea, estoica, e remata coa pitagórica; Gleichauf agrupa ás filósofas en: Antigüidade, Idade Media, Renacemento, o século XVII, a Ilustración, o Romanticismo, o século XIX e a filosofía do século XX.

[15] Rius, op. cit., p. 12. Giulio de Martino e Marina Bruzzese sosteñen que a relación entre as mulleres e o saber filosófico está atravesado, nas distintas épocas históricas, por un predominio masculino `casi total’, Las filósofas. Las mujeres protagonistas en la historia del pensamiento, Madrid, Cátedra, 1996 [1994], p. 15.         [ Links ]

[16]Gleichauf, op. cit, p. 7.

[17] Non sen deixar de subliñar antes a gran importancia de Ménage como historiador da lingüística, polo que é recoñecido. Rius, op. cit., p. 15.

[18] Gleichauf, op. cit., pp. 7-8.

[19] A ‘falta de transmisión’ é o aspecto no que repara Fina Birulés na súa reflexión sobre cómo restablecer ás mulleres na Historia da Filosofía en “Indicios y fragmentos: Historia de la Filosofía de las mujeres”, Rosa Mª Rodríguez Magda (Ed.), Mujeres en la historia del pensamiento. Barcelona, Anthropos, 1997, p. 18.         [ Links ] Resulta moi pertinente tamén o texto de Rosa Mª Rodríguez Magda, “Del olvido a la ficción. Hacia una genealogía de las mujeres” neste mesmo libro, pp. 33-59. Outra referencia obrigada é –entre outros seus nos que sostén que a historia é unha investigación restrospectiva da nosa propia problemática presente- Tiempo de feminismo. Sobre feminismo, proyecto ilustrado y posmodernidad de Celia Amorós, onde afirma, a propósito de Poulain de la Barre que “necesitamos una memoria filosófica feminista, críticamente orientada a la recuperación del pasado de nuestro presente”, Madrid, Cátedra, 1997, p. 109.         [ Links ]

[20] Ademais de algunhas referencias xa recollidas en notas anteriores, e sen ánimo de ser exhaustivas, mencionaremos: Valerie Bryson, Feminist Political Theory. An Introduction, MacMillan, 1992;         [ Links ] A. Phillips (ed.), Feminism & Politics, Oxford University Press, Oxford, 1998;         [ Links ] Virginia Held, «Feminism and Political Theory», en Robert L. Simon (ed.), The Blackwell Guide to Social and Political Philosophy, cap. 7, Blackwell, 2002; Nancy J. Hirschmann and Christine Di Stefano, Revisioning the political: feminist reconstructions of traditional concepts in Western Political Theory, Boulder, Westview Press, 1996;         [ Links ] Mary Lyndon Shanley & Uma Narayan (eds.), Reconstructing Political Theory: Feminist Perspectives, University Park: Pennsylvania State University Press, 1997.         [ Links ]; Linda Zerilli, «Machiavelli’s Sisters. Women and “the Conversation”of Political Theory”», Political Theory, Vol. 19, nº 2, 1991, pp. 252-276;         [ Links ] «Feminist Theory and The Canon of Political Thought», en John S. Dryzer, Bonnie Honig, Anne Phillips (eds.), The Oxford Handbook of Political Science, Oxford University Press, 2006, 106-124.         [ Links ]

[21] «New Afterword», Princenton Universty Press, Princenton, 1992, 7ª ed., p. 313, trad. nosa.         [ Links ]

[22] Cita de Leftwich and Hedl, 1984: 144, tomada de Judith Squires, Gender in Political Theory, Polity Press, 2000, p. 9.         [ Links ]

[23] Di Setefano, «Feminist Political Philosophy», Newsletter on Feminism and Philosophy, Symposium. APA Newsletter, Vol. 99, nº 2, 2000, p. 196,         [ Links ] trad.n..

[24] Okin, op. cit., p. 312, trad. n.. Entre estas obras pioneiras, ademais da xa citada de Okin, Women in Western Political Thought (1979);         [ Links ] Clarke, L. M. y Lange, L., The Sexism of Social and Political Theory: Woman and Reproduction from Plato to Nietzsche (1979);         [ Links ] Elhstain, J. B., Public Man, Private Woman: Women in social and Political Thought, (1981);         [ Links ] O’Brien, The Politics of Reproduction (1981);         [ Links ] Pitkin, H., Fortune is a Woman: Gender and Politics in the Thought of Niccolo Machiavelli (1984);         [ Links ] Saxonhause, A., Women in the History of Political Thought: Ancient Greece to Machiavelli (1985).         [ Links ] E de finais dos oitenta hai que salientar os traballos de Carole Pateman, en particular The Sexual Contract (1988),         [ Links ] sen deixar de lado outros anteriores como «The Disorder of Women: Women, Love and the Sense of Justice», Ethics 91,1980;         [ Links ] «Feminist Critiques of the Public/Private Dichotomy», en S. Benn y G. Gauss, eds, Private and Public in Social Life (1983);         [ Links ] E. Kennedy y S. Mendus (eds.), Women in Western Political Philosophy: Kant to Niezsche, (1987);         [ Links ] S. Benhabib and D. Cornell (eds.), Feminism as critique, (1987): Brown,         [ Links ] W., Manhood and Politics: A Feminist Reading in Political Theory (1988);         [ Links ] S. M. Okin, Justice, Gender, and the Family, (1989).         [ Links ]

[25] Di Stefano, art. Cit., pp. 196-7.

[26] Okin, op. cit., pp: 312-318.

[27] Neste sentido compre subliñar que na serie Feminist Interpretations of…, antes citada, achamos un volume dedicado a cada un destes autores, ademais dos que tamén recollen os dos clásicos.

[28] Di Stefano, art. Cit., pp. 196-197.

[29] Nancy J. Hirschmann/Christine Di Stefano, “Introduction”, Revisioning the Political, op. cit., p. 6.         [ Links ]

[30] Celia Amorós indica que ‘conceptualizar é politizar’ ocorréuselle ao fío dos problemas da violencia contra as mulleres, en escritos posteriores irá perfilando, despregando a súa virtualidade e complexidade, articulándoo coa súa concepción da teoría critica feminista, en liña con Nancy Fraser, amosando a relación existente entre critica y política. Cfr. C. Amorós, La gran diferencia y sus pequeñas consecuencias... para las luchas de las mujeres, Feminismos-Catedra, Madrid, 2005;         [ Links ] Mujeres e imaginarios de la globalización. Reflexiones para una agenda teórica global del feminismo, Homo Sapiens, Eds., Rosario, 2008.         [ Links ] Cf. Mª Xosé Agra, “Conceptualizar es politizar. Algo más que una consigna”, M.Lopez Cao y L. Posada Kubissa (eds.), Pensar con Celia Amorós, Madrid, Edt. Fundamentos, 2010.         [ Links ] Sobre a politización da teoría e a teorización da política véxanse os artigos de Adriana Cavarero, “Politicizing Theory” e de Wendy Brown, “At The Edge” en Political Theory, Vol, 30, nº 4, August 2002.         [ Links ]

[31] Hirschmann y Di Stefano, op. cit., p. 21.

[32] Non podemos deternos noutras interesantes achegas que, en gran medida, veñen a coincidir en moitos dos aspectos sinalados ata aquí, baste mencionar a A. Phillips, quen na súa introducción a Feminism & Politics, op. Cit., define as tarefas feministas como ‘critica y recuperación’, dirixidas a transformar os conceptos centrais do canon da teoría política (liberdade, poder, xustiza, cidadanía, consentimento...). Cabe incluír, igualmente,o que Celia Amorós denomina “feminismo como critica y polémica” e “feminismo como propuesta”, Cfr. “Filosofía y feminismo en la era de la globalización”, Mujeres e imaginarios, op. cit. Son pertinentes así mesmo as reflexións de L. Zerilli tanto no seu artigo de 1991: “Machiavelli’s Sisters”..., art. cit., onde fomula a pregunta ¿que pasa si o teórico político é unha muller?, como na súa contribución a The Oxford Handbook of Political Science, op. cit., 2006, onde arromba a teoría política feminista ao redor de catro proxectos críticos.

[33] Filosofía política contemporánea. Una introducción, Barcelona, Ariel, 1995, pp. 260-261.         [ Links ] En 1990, Cass R. Sunstein edita Feminism & Political Theory, The University of Chicago Press;         [ Links ] o propósito do libro, indicase na introdución do editor, é reunir algo do .«importante e máis orixinal traballo na intersección de feminismo e teoría política»

[34] Cfr. En Contemporary Social and Political Philosophy, Wadsworth Publ., Belmont, 1995, tamén lle dedica un capitulo; na súa antoloxía de textos, Social and Political Philosophy. Classical Western Texts in Feminist and Multicultural Perspectives, Wadsworth Publ., Belmont, 1998, pon en relación as raíces históricas dos ideais sociais e políticos contemporáneos, o desenvolvemento da filosofía social e política occidental, coas perspectivas feministas e multiculturais. Así mesmo é o editor de Controversies in Feminism, Rowman & Littlefield Publ., 2001. Alison M. Jaggar recoñece así a súa contribución: .[...] I appreciate Sterba’s sustained and serious engagement with feminist philosophy. Feminist and mainstream philosophy both stand to benefit from direct interaction with each other, as Sterba rightly points out, yet feminist contributions too often are ignored in the mainstream. I’d also like to compliment Sterba on his knowledge of the feminist public policy literature. I think his discussions of the need to change the social organization of paid work and to end violence are excellent and his discussion of sexual harassment is superb”, «Feminism and the objects of justice», P. Sterba, Social and Political Philosophy. Contemporary Perspectives, Routledge, 2001, pp. 263-264.

[35] «Algunas reflexiones sobre la filosofía política occidental contemporánea», La Política. Revista de estudios sobre el Estado y la sociedad, (1996), no 1, p. 16.         [ Links ]

[36] Ibídem.

[37] Cfr. Stefano Petrucciani, Modelli di filosofía politica, Einaudi, Torino, 2003;         [ Links ] vers. cast., Modelos de filosofía política, Amorrortu, Buenos Aires, 2008, cap. 5, “Feminismo y teoría política”, pp. 237-243.

[38] Quentin Skinner, chair; Partha Dasgupta, Raymond Geuss, Milissa Lane, Peter Laslett, Onora O’Neill, W. G. Runciman, Andrew Kuper, rapporteur, The Journal of Political Philosophy, Vol. 10, nº 1, 2002, pp. 1-19.         [ Links ]

[39] Sharon R. Krause sinala que as teóricas feministas remodelaron a teoría política como disciplina, levando da marxe ao centro cuestións cruciais de xeito que o que agora pensamos como “’mainstream’ da teoría política é tamén teoría feminista”, e isto é verdade tamén respecto de aqueles traballos que non focalizan como tema único as mulleres ou o xénero, e máis, sostén que os traballos das principais voces no campo da teoría política “pensan sobre política en formas que están informadas por unha conciencia crítica da calidade ‘xenerizada’ das relacións de poder”. Cfr. «Contested Questions: Current Trajectories: Feminism in Political Theory Today», Politics &Gender 7 (1) 2011.         [ Links ]